CRTVG

Buscar

Seis das peregrinas infectadas no Camiño, confinadas no albergue público de Palas

Publicado o 19/07/2021 14:13
Seis das peregrinas infectadas no Camiño, confinadas no albergue público de Palas

Oito universitarias quedaron infectadas nun gromo detectado no Camiño Francés. A primeira moza que deu positivo, procedente de Mallorca, foi ingresada no CHUS, outra quixo volver á súa casa e as outras seis están a pasar a corentena no albergue da Xunta en Palas, que se encontra agora pechado ao público. Na que é unha das principais vilas desta ruta xacobea recibiron a nova con preocupación.

"A vila está atemorizada. De feito, hoxe é día de feira e hai pouca xente. Representa un risco para a nosa vila, o cal é unha pena". "Aínda está estendido, e por iso aparecen estes gromos", din unhas veciñas.

"Podíase ver vir. É verdade que se limitou o número de camas por cuarto, pero seguen poñendo xuntas persoas de grupos diferentes. Ao final, quéirase ou non, o risco existe", sinala unha peregrina.

Na área sanitaria lucense sinalan que o gromo está controlado e que as peregrinas contaxiadas están a facer corentena baixo supervisión médica.

"Cando nos comunicaron a positividade desta persoa, fíxoselle a enquisa epidemiolóxica ao grupo que estaba con ela, e a partir de aí tomáronse todas as medidas normais, como con calquera outro contacto. Menos unha persoa, o resto do grupo deu positivo, e están facendo o confinamento en Palas se ningún problema" di Ramón Ares, xerente da área sanitaria.

O último albergue onde se hospedaron as peregrinas infectadas encóntrase en Portomarín. Segundo Sanidade, xa se realizou un cribado cos contactos estreitos que puideron ter esa noite.

Noticias web

19/07/2021