Segundo un estudo do CIS, a TVG é a canle fundamental para os galegos á hora de informarse sobre asuntos políticos
Publicado o 08/10/2020 16:52
Onte coñecemos os datos da enquisa do CIS relativa ás eleccións galegas de xullo. E entre eses datos, nós quedamos con un: o que confirma que esta casa, a TVG, é a canle fundamental para os galegos á hora de informarse sobre asuntos políticos.
Durante a campaña electoral máis do 43% dos enquisados preferiu a información da Televisión de Galicia. A moita distancia das seguintes opcións, que foron a Sexta e Televisión Española, cun 15% das respostas.
A enquisa do CIS tamén di que case o 40% dos galegos conformaron as súas opinións na campaña electoral en base á información de televisión. Moi por enriba do 11%, que o fixo pola prensa escrita, e do 24%, que o fixo informándose en medios dixitais.