CRTVG

Buscar

Segundo taxista vigués identificado por consumo de drogas nunha semana

Publicado o 13/05/2019 13:22

Segundo taxista identificado en Vigo por conducir baixo os efectos das drogas en menos dunha semana. Deu positivo en cocaína e anfetaminas na proba de tóxicos que lle realizou a Policía Local. Dende o sector do taxi reprobaron novamente unha conduta que consideran illada, pero que dana a imaxe do colectivo. Esixen medidas contundentes para evitalo.

Sucedeu na rúa Jenaro de la Fuente. Eran as nove da maña do domingo cando a Policia Local deu o alto a un taxista que acaba de cometer unha infracción de trafico. No control de tóxicos que lle practicaron os axentes deu positivo en cocaína e anfetaminas. No momento dos feitos non levaba pasaxe, pero o taxi estaba en servizo. O condutor era un asalariado e dende o colectivo condenan uns feitos que danan gravemente a imaxe do sector.

Dende o sector do taxi demandan maior control na concesión de licenzas e aplauden os controis policías que posibilitaron a identificación dos taxistas.

É o segundo taxista identificado por conducir drogado en menos dunha semana en Vigo. O pasado martes foi unha usuaria quen deu a voz de alarma. Gravou co seu teléfono as condicións en que conducía un taxista e alertou a Policía Local, que confirmou que o facía baixo os efectos do alcohol e das drogas.  

Noticias web

13/05/2019