CRTVG

Buscar

Segunda noite de aviso laranxa por baixas temperaturas no sur de Ourense

Publicado o 06/01/2021 22:30

Néboas mestas, temperaturas baixo cero e intensas xeadas. Deste xeito arrancou hoxe o día na provincia de Ourense. Hoxe os termómetros non eran quen de recuperar nin sequera co sol no alto e xa contra o mediodía. Especialmente nas comarcas da Limia e Monterrei.

A temperatura máis baixa de Galicia rexistrouse de novo na provincia de Ourense. Desta vez en Calvos de Randín, alí a mínima foi de 11 graos baixo cero.

E semella que o frío non ten intención de marchar. Esta madrugada en practicamente calquera punto do sur da provincia de Ourense pódense rexistrar temperaturas mínimas por baixo dos menos oito graos. Un aviso laranxa que será amarelo en Valdeorras e as zonas de montaña.

Moito frío en toda Galicia

Moito frío. Xeadas propias do inverno, xeneralizadas na maioría das comarcas do interior.

Pola noite rexistráronse temperaturas negativas na maior parte do país e pola mañá a herba aparecía branca e as pozas conxeladas.

Nas vilas, como a Estrada, quen saía á rúa na mañá de Reis facíao adoptando medidas; clásicos contra este tempo.

Polas estradas, e non só polas secundarias, hai que ter especial coidado.

Nas zonas de sombra a xeada non se vai en todo o día e pode ser moi perigoso.

De aquí á fin de semana, nalgunhas comarcas aínda poden baixar máis as temperaturas.

Nesta vila da Estrada para venres prevense temperaturas por baixo de cero, como na maior parte do interior do país.

Provincia de Ourense á parte, en moitos casos mesmo se vai baixar dos menos tres graos; desde logo nas zonas de montaña ou media montaña da provincia de Lugo, pero tamén nas menos altas da Coruña e Pontevedra.





Noticias web

06/01/2021