CRTVG

Buscar

Seguen buscando os supostos dous cómplices do asasinato dun home tras unha cita sexual falsa en Zaragoza

Publicado o 04/10/2019 14:29

A policía busca dous supostos cómplices do asasinato dun home en Zaragoza que acudira a unha cita sexual que resultou ser falsa. Hai un cidadán marroquí e unha muller venezolana detidos que, segundo as primeiras investigacións, xa secuestraran con anterioridade outros dous homes para roubalos aínda que non chegaran a matalos.

A Garda Civil estaba sobre a pista deste grupo criminal desde finais de xullo, despois de que dous homes denunciaran que foran asaltados e golpeados por varias persoas tras quedar cunha muller en Zaragoza a través dunha páxina de citas. A un deles deixárono atado de pés e mans nun descampado.

Peor sorte tivo José Antonio Delgado, un empresario de Getxo de 54 anos que a principios de setembro concertara tamén unha cita para manter relacións sexuais, supostamente, coa mesma muller. A este golpeárono e matárono e foi un veciño da zona quen atopou o corpo preto dunha nave industrial.

Todo indica que o home puido perder o coñecemento polos golpes, pero que estaba aínda con vida cando foi soterrado, porque a autopsia revelou que tiña terra nos pulmóns.

O mércores, a Garda Civil detivo un home marroquí e unha muller venezolana como supostos autores do crime e despois de que puxeran á venda pola Rede o coche da súa vítima.

A parella pasará nas próximas horas a disposición xudicial e segue a busca doutras dúas persoas que puideron ser cómplices do asasinato.


 

Noticias web

04/10/2019