Seguen baixando os casos activos en Galicia, e Ferrol é a primeira área sanitaria sen infectados
O número de "casos activos de coronavirus" reduciuse en cinco en Galicia desde o domingo e sitúase en 202, dos cales 136 están concentrados na área sanitaria de Lugo, segundo o informe diario da Consellería de Sanidade.
Do total de infectados "activos" en Galicia, sete están en plantas convencionais de hospitalización e non hai ningún en terapia intensiva (UCI).
Os 195 infectados restantes atópanse illados nos seus domicilios.
A área sanitaria de Lugo, onde se rexistrou nas últimas semanas un brote de infeccións na comarca da Mariña, continúa sendo o principal foco de infectados, con case sete de cada dez de Galicia.
Entre as demais áreas destacan, por esta orde, 27 na da Coruña, 17 en Vigo, nove en Pontevedra, oito en Santiago de Compostela e cinco en Ourense.
Na área de Ferrol non se rexistra ningún positivo, segundo os últimos datos facilitados por Sanidade.
A Xunta indica que o número de persoas doentes ou infectadas que curaron é de 11.082, fronte a 619 pacientes de covid-19 que faleceron, dos cales 274 eran persoas maiores mortas en residencias, hospitais ou residencias integradas.
Os casos activos de Covid-19 seguen baixando en Galicia ata os 202. Os contaxios tamén van a menos no brote da Mariña, que se reducen ata os 86, 26 menos nas últimas 24 horas. As autoridades sanitarias destacan a tendencia positiva e o mércores o comité clínico decidirá sobre o illamento de Burela, o único concello da comarca que mantén restrición á mobilidade.
En Vilalba o brote mantense en 6 positivos e en Betanzos suman tres xornadas sen novos casos. Na comarca ourensá de Trives dous locais de hostalería decidiron pechar voluntariamente polo contacto cun operario que dou positivo tras regresar de Lleida. Polo momento as probas realizadas aos contactos deron negativo, pero permanecen illados nos seus domicilios baixo seguimento. O traballador está ingresado en planta no hospital de Ourense.