CRTVG

Buscar

Sanidade inclúe Sanxenxo na listaxe de concellos con maiores restricións

Publicado o 17/11/2020 20:05

• Sanxenxo, que acumula dúas semanas en vermello polo alto número de contaxios, compartirá área de peche perimetral co Grove

• Chantada e A Rúa evitan as limitacións tras reduciren os casos

• A medida entrará en vigor a medianoite do mércores ao xoves

O comité clínico decidiu que Sanxenxo (Pontevedra) se sume ao grupo dos outros 67 concellos galegos sobre os que pesan as maiores restricións para facerlle fronte á evolución do coronavirus e impón nesta localidade costeira un peche perimetral xunto ao Grove que inclúe tamén o peche da hostalería.

Estas medidas de restrición para tentar frear a propagación da pandemia publicaranse este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrarán en vigor a medianoite do mércores ao xoves. Sanxenxo era un dos tres municipios sobre os cales o pasado venres as autoridades sanitarias xa advertiran que se intensificaría a vixilancia debido a que se detectou "un goteo permanente de casos" de covid−19.

"Se non hai unha melloría clara tomaranse medidas", xa advertira a finais da semana pasada a Consellería de Sanidade. A vila leva dúas semanas en vermello no semáforo de alertas da covid−19. Ten 77 casos activos e 200 veciños en corentena. 

Chantada e A Rúa evitan as novas limitacións

O día en que Bergantiños e Ribadavia se sumaban ao máximo nivel de restricións, Sanidade advertía que poñía o foco noutros tres concellos. Pero dous deles, Chantada e A Rúa, reduciron desde aquela os contaxios. As alertas xa se desactivaron no concello ourensán, e o lugués deixou atrás a liña vermella por risco de covid−19.

Preocupa a evolución na cidade de Lugo

Non é favorable a evolución na cidade de Lugo despois de dúas semanas con peche perimetral, sen hostalería e coas reunións limitadas a conviventes. 

Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo: "Trinta positivos diarios na cidade de Lugo, co cal, preocúpanos un pouco a evolución que está tendo. Non temos a estabilidade que tiñamos a semana pasada".

As autoridades sanitarias están convencidas de que as medidas que se aplican dan resultados e que xa se notan nos lugares onde levan máis tempo implantadas. Pero tamén apuntan a que aínda é cedo para retiralas.

Noticias web

17/11/2020