CRTVG

Buscar

Seguen as protestas no Brasil pola celebración da Copa América

Publicado o 14/06/2021 16:20

A selección arxentina de Leo Messi debuta hoxe contra Chile (23:00, TVG)

Mentres Brasil despachaba ao seu primeiro rival, fóra do estadio Garrincha eran visibles as protestas pola celebración do torneo. 'Non queremos Copa, queremos vacinas'; ou 'vacina si, copa non', foron algunhas das consignas.

"Todo o mundo coñece a alguén, todo o mundo perdeu a un familiar, a un amigo. E temos un goberno ao que non lle importa", declaraba este activista (Bruno Zaidan) criticando o presidente Jair Bolsonaro por traer o campionato despois de renunciar Arxentina por un novo andazo do coronavirus, e mais tarde Colombia polas protestas violentas nas rúas.

O malestar chega a todas as sedes. Ao pé dunha pancarta pelotean Marcos Aurelio, chófer de profesión, e o seu fillo Caio fóra do estadio Milton Santos, no Río de Xaneiro, onde hoxe debuta Messi con Arxentina contra Chile.

"Non hai corpo para isto, os números son os que son e non son unha broma", reflexiona Marco Aurelio, chófer de profesión. E os números dos que fala non teñen volta: 485.000 brasileiros morreron xa pola pandemia e a media diaria segue estando por riba dos dous mil falecidos. Nunha enquisa de hai dous días da empresa XP/Ipespe o 64 % dos brasileiros opoñíase ao torneo. Unha taxa brutal nun país onde o fútbol é unha relixión.

 

Noticias web

14/06/2021