CRTVG

Buscar

Seguen á baixa as infeccións por covid−19 e a presión hospitalaria case non varía

Publicado o 17/10/2021 10:16

• O Sergas confirma 443 casos activos, oito menos ca o sábado

• Quedan ingresadas 35 persoas, oito en coidados intensivos

Un novo ingreso na UCI da área sanitaria da Coruña é o único dato negativo da evolución da pandemia nas últimas horas. Con todo, a situación hospitalaria mantén a tendencia ao descenso que comezou a inicios de setembro.

Segundo os últimos datos publicados polo Servizo Galego de Saúde, nos hospitais hai 35 persoas ingresadas, das cales oito están en unidades de coidados intensivos, unha máis ca onte.

O número de pacientes con infección activa é de 443 (oito menos ca a xornada anterior). Do total de casos, 141 son da área sanitaria da Coruña, 45 da de Lugo, 60 da de Ourense, 33 da de Pontevedra, 80 da área de Vigo, 71 da de Santiago, e 13 da de Ferrol.

En canto aos contaxios, detectáronse 25, na media desta semana. A área de Pontevedra con oito positivos novos e a de Santiago con sete son as que máis casos rexistraron.

Desde o inicio da epidemia en Galicia contaxiáronse 182.740 persoas, das que se recuperaron 179.685 e morreron 2.646. Desde o xoves non se notificaron falecementos.

Incidencia acumulada

A incidencia acumulada sitúase en 14,92 casos por cada cen mil habitantes a dúas semanas e en 6,74 casos por cada cen mil habitantes a unha semana, segundo a última información facilitada polo Ministerio de Sanidade.

Ata o onte, en Galicia realizáronse 2.870.309 probas PCR e o número de doses de vacina contra a covid−19 administradas é de 4.410.835.

Noticias web

17/10/2021