CRTVG

Buscar

Segue suspendida este mércores a circulación ferroviaria na liña Monforte de Lemos-Vigo

Publicado o 10/02/2021 18:29
Segue suspendida este mércores a circulación ferroviaria na liña Monforte de Lemos-Vigo

 A circulación na liña ferroviaria entre Monforte de Lemos e Vigo, que foi cortada debido a unha focha de grandes dimensións producida por mor dos efectos das fortes choivas, segue suspendida este mércores, o que afectou un total de seis trens.

En concreto, a focha produciuse sobre as 10.30 horas da mañá do martes no traxecto Frieira-Filgueira. O Adif indicou que as intensas precipitacións, con importantes acumulacións de auga, provocaron gretas nun antigo muro de mampostería lindeiro coa liña á altura da estación de Frieira (lado Ourense), causando inestabilidade sobre a plataforma ferroviaria.

Ante estes feitos, a liña foi cortada para garantir a seguridade e mobilizouse o persoal de mantemento da infraestrutura para tratar de "resolver a incidencia e restablecer o tráfico ferroviario o máis axiña posible". No entanto, as mesmas fontes indicaron que os traballos de reconstrución do muro "están a verse condicionados" polas dificultades de acceso de persoal e maquinaria ao punto da incidencia, así como pola climatoloxía "puntualmente adversa".

Ante estas circunstancias, fontes de Renfe trasladaron que se habilitou un plan alternativo de transporte, polo que o rexional entre Vigo-Guixar e Ponferrada son transbordados por estrada entre Arbo e Ourense, tanto á ida como á volta. Así mesmo, os servizos Alvia entre Galicia e Barcelona, que en días alternos circula ata Vigo ou A Coruña, son trasbordados por estrada desde Vigo ataOurense. Finalmente, os Alvia entre Pontevedra e Madrid son desviados por tren vía Santiago.