Cábalas en Vigo sobre o afortunado cos case 5 millóns de euros do Euromillóns
Algo máis de catro millóns e medio de euros, iso é o que gañou un veciño de Vigo no sorteo de onte do Euromillóns. A aposta foi selada na administración da rúa López Mora de Vigo. Foi un acertante de segunda categoría. Atinou cinco números e unha estrela. O único acertante de primeira categoría recibirá un premio de 220 millóns de euros. Foi un boleto selado en Francia.
Entre o sábado pasado e o luns alguén entrou na administración de loterías da rúa López Mora de Vigo e fixo unha aposta de máquina para xogar no sorteo do martes e do venres do Euromillóns. Gastou cinco euros. Uns días despois, hoxe, ese alguén descoñecido é millonario. Por acertar seis números gañou catro millóns seiscentos oito mil catrocentos corenta e cinco euros.
En Francia, agora mesmo hai outro descoñecido que acaba de gañar 220 millóns de euros neste mesmo sorteo que deixou cartos en Vigo. O propietario desta administración da rúa López Mora, Pablo Arias, vive este 16 de outubro como se fora o 22 de decembro. Asegura que non ten nin a máis remota idea de quen é o gañador de tantos millóns pero que lle gustaría que fora un habitual da administración para celebralo con el e darlle unha boa aperta.
Quen sexa o novo rico, parabéns. E ao resto, como di o refrán, á allea boa sorte, envexa forte.