Unha nova morte eleva a 2.382 a cifra de falecidos en Galicia pola covid
• Os casos activos soben por cuarta xornada consecutiva, ata os 2.977
• Cae a presión asistencial con 10 pacientes menos en planta
Nas últimas horas Sanidade notificou unha morte por mor da covid. Trátase dunha muller de 87 anos que faleceu o 23 de abril no CHUAC e que tiña patoloxías previas. Dende o inicio da pandemia faleceron 2.382 persoas en Galicia.
Os casos activos seguen a subir en Galicia e sitúanse próximos aos 3.000, con 2.977 persoas enfermas, que son 38 máis que a xornada anterior, con datos das 18 horas do venres. Os contaxios diarios seguen por riba dos 200 pero dan un lixeiro respiro, xa que se detectaron 204, 49 diagnósticos menos en todas as probas. Nas PCR realizadas deron positivo 181, o que tamén supón unha caída de 45 respecto ao día anterior.
A presión asistencial diminúe nas últimas horas, con 189 persoas hospitalizadas en Galicia por covid, 10 menos, que corresponden a persoas que xa non están en planta, onde hai 146 enfermos, mentres as UCI estabilizan o dato con 43 ingresados, que son os mesmos que o xoves.
Situación por áreas sanitarias:
A área sanitaria de Ourense é a que ten máis pacientes ingresados en críticos, con 10 enfermos nas UCI, 9 na Coruña e 8 na de Vigo, que é a que conta con máis persoas coa infección activa, 843. Ademais, en Vigo detectáronse 67 positivos en 24 horas, máis do 35 por cento do total en Galicia, cifra que no resto das demarcacións é máis baixa, xa que a que lle segue en número é A Coruña, con 38, e o resto roldan a vintena ou menos. Os casos activos só baixan en Lugo.
A Coruña: 729
Ferrol: 120
Lugo: 205
Ourense: 265
Pontevedra: 469
Santiago: 346
Vigo: 843