CRTVG

Buscar

A impresión dixital confirma que o corpo atopado en Tenerife é o de Olivia

Publicado o 11/06/2021 18:07

A proba de impresión dixital confirma que o cadáver rescatado a mil metros de profundidade fronte ás costas de Tenerife este xoves é o da nena de seis anos Olivia, secuestrada polo seu pai xunto á súa irmá Anna, dun, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Canarias.

O corpo da nena foi rescatado desde o buque oceanográfico Ángeles Alvariño a mil metros de profundidade no interior dunha bolsa de deportes lastrada no fondo do mar por unha áncora, a uns tres quilómetros da costa de Tenerife. O buque mantén a operación de procura na zona, pero por agora non se atopou rastro nin da outra nena nin do seu pai. As nenas desapareceran o 27 de abril, cando o seu pai non as devolveu á súa nai como tiña pactado.

A busca da nena pequena céntrase nunha área acoutada, de poucos metros cadrados, onde apareceu o corpo da súa irmá, Olivia, lastrado cunha áncora. Atopala é a prioridade dos rastrexadores, que buscan tamén pegadas do pai."A busca ten que seguir, porque ten que aparecer esa nena que queda aí abaixo, aínda que é moi difícil. Tamén é importante cerrar o capítulo do pai, confirmar polo menos que estea aí", explica Luis Machín, membro dos Geas, 

A hipótese coa que traballan os investigadores é que Tomás Gimeno drogou as nenas con pastillas antes de matalas, algo que terá que determinar a autopsia. Cren que despois, nunha operación planificada, tirou os corpos en mar aberto e suicidouse.

Toda Canarias, especialmente a illa de Tenerife, está entregada coa nai das pequenas, unha nova vítima da violencia machista. "O asasinato de Olivia, secuestrada xunto a súa irmá Ana, polo pai de ambas constitúe un duro golpe aos nosos valores como sociedade canaria. Unha mostra da violencia máis cruel e retorcida, a violencia vicaria", dixo Ángel Víctor Torres, presidente das Canarias.

Chámase así á violencia exercida contra as mulleres a través dos fillos, recoñecida como unha forma de violencia de xénero. "Utilizar os fillos como simples obxectos aos que dirixir a violencia para causar o máximo dano posible ás súas nais. É irracional e parécenos inconcibible, pero non ten nada que ver con enfermidades mentais", explica Teresa Peramato, fiscala de violencia de xénero,

Contando a Anna e a Olivia, 41 menores foron asasinados en España en casos de violencia de xénero desde o ano 2013, ano en que se empezaron a contabilizar de maneira ofical estes datos.

Máis de 40 días de busca

A busca das nenas, e do pai Tomás Gimeno, estaba centrada no mar desde o 30 de maio despois de que a busca en terra non dera resultados. Non se atoparan restos biolóxicos nos catro rexistros efectuados na casa do pai. O día da desaparición, Tomás Gimeno, que non lle entregara as fillas á súa exparella como tiñan pactado, fora visto embarcando seis bolsas na lancha con que saíu de Santa Cruz de Tenerife. A busca cun sonar e un robot submarino facíase nunha zona delimitada polo xeoposicionamento do móbil do pai a tarde e a noite da desaparición dos tres. 

A nai das nenas, Beatriz Zimmermann, mantivo ata o último momento a esperanza de que estivesen vivas. Sempre creu que o pai fuxira coas fillas. O achado da botella de mergullo e o edredón no mar a principios desta semana eran para ela probas falsas e parte dun teatro para enmascarar a fuga. A realidade tira por terra esta teoría e todo fai sospeitar que non é unha fuga, como sospeitaban os investigadores desde o principio, que, con todo, tiñan abertas varias hipóteses inda que co paso do tempo esta era a que collía máis forza.

 

Noticias web

11/06/2021