CRTVG

Buscar

Sen éxito na busca do neno de trece anos desaparecido no Ebro en Zaragoza

Publicado o 09/05/2021 20:39

Desde que parou de chover, na segunda xornada de busca, este domingo, entraron na zona do rastrexo os cans e os drons. Confían en que a camiseta rosa fucsia que levaba o desaparecido no momento en que nadaba no Ebro non lles pase desapercibida. O rapaz nadaba cando o arrastrou a corrente e afundiuse na presenza do seu grupo de amigos e a poucos metros deles.

Nesta parte do Ebro, na zona do antigo embarcadoiro da Expo de Zaragoza, ademais das correntes, no leito do río hai material de construción acumulado.

Os que saben destes rescates nestas superficies temen que a corrente levase a Karim río abaixo e acabase por deixar o corpo nalgún sedimento. Pasaron xa 26 horas desde que un pescador, testemuña do posible afogamento, alertara do suceso o 112.