Segue a busca da muller de 66 anos desaparecida o martes no centro de Arcade
78 horas despois Manuela Barbosa Sousa segue sen aparecer. O martes un taxi deixouna nesta rúa de Arcade, diante do restaurante Avenida, preto da casa dunha filla. Eran as tres da tarde cando a viron por última vez. Nesa mesma noite en que iniciaron a busca a unidade canina detectou un rastro da desaparecida no porto. Buscaron en Pontesampaio por se caera ao río.
O marido de Manuela busca incesantemente no seu coche por pistas e camiños. Este serán reúnese un grupo de amigos e familiares para volveren pasar polos lugares onde supostamente andou a muller o martes en que desapareceu. A familia está angustiada porque no caso de que seguise viva non levaba con ela a medicación diaria indispensable para a súa supervivencia.
Delgada, de pelo claro, ollos negros, e con mobilidade reducida, Manuela levaba un vestido amarelo con flores e un bolsiño de palla o día en que desapareceu.