Segue á alza a demanda de coches de segunda man, que se encarecen arredor dun 15 %
Por cada vehículo novo, véndense case tres de segunda man. O mercado do coche de ocasión atravesa un momento frenético de vendas; os tempos de espera dun coche novo dilátanse debido á escaseza de compoñentes para fabricalos e moitos compradores non están dispostos a agardar seis meses ou máis, así que buscan alternativas.
"É un bo momento para vender vehículos de ocasión", admite o comercial Alberto Franco, que explica que "a demanda de vehículo seminovo sobe porque non hai dispoñiblidade de coches novos".
De feito, os chamados quilómetro cero son os máis buscados, xunto cos que non superan os cinco anos, e comezan a escasear no mercado de ocasión. Así que o desequilibrio trae consecuencias.
"Ao haber máis demanda e menos oferta os prezos subiron", di Franco. Borja Villaverde, responsable doutro negocio de compra-venda de vehículos, cifra en 2.000 euros o incremento medio do prezo de venda de cada coche.
No salón de automóbiles de ocasión que se celebra en Santiago estes días con 800 vehículos en exposición, o seu responsable, Fabián Saavedra, di que no que levamos de ano a suba de prezos está entre un 15 e un 20 por cento.
Os profesionais do sector cren que a escalada aínda seguirá porque a demanda tamén continúa en ascenso. Como mostra, a afluencia de visitantes a esta feira, que en maio celebrou a súa última edición cun balance de vendas de 200 vehículos en catro días.