Aberto o debate sobre a vacina pediátrica que podería administrarse en novembro
Non se agardaba antes do ano 2022 pero as cousas foron tan axiña que 3,2 millóns de menores, de entre 5 e 11 anos, poderían comezar a vacinarse contra a covid este mesmo outono. Antes de nada, deben pronunciarse as axencias reguladoras. O Ministerio de Sanidade insiste en que vai ir da man da Axencia Europea do Medicamento (EMA) que se podería pronunciar ao respecto en breve.
Polo momento, Andalucía xa puxo data ao inicio da campaña de vacinación pediátrica contra a covid. Nun principio calculou que podería comezar a finais de outubro pero pouco despois pospuxo a estimación a principios de novembro.
Este venres, Pfizer pediulle á axencia europea que autorice o soro pediátrico. Unha semana antes, fixo o mesmo na Administración de Alimentos e Fármacos dos Estados Unidos.
Como pano de fondo, está o debate sobre si resulta ético vacinar este grupo cando a maior parte do planeta aínda non recibiu unha primeira dose. Tamén se discute se os beneficios superan os riscos nunha franxa da poboación que, na maioría dos casos, padece a doenza de xeito leve ou asintomático.