CRTVG

Buscar

Saúde Pública recomenda pechar o interior da hostalería e as terrazas cubertas cunha incidencia superior a 150

Publicado o 26/03/2021 17:48
Saúde Pública recomenda pechar o interior da hostalería e as terrazas cubertas cunha incidencia superior a 150

 A Comisión de Saúde Pública deu luz verde este venres a unha batería de recomendacións que pasan por endurecer as ocupacións e as restricións en lugares pechados como o interior dos locais de hostalería a partir de 150 casos por 100.000 habitantes de incidencia, algo xa vixente desde outubro, pero que agora estende tamén ás terrazas pechadas.

Desde outubro, Saúde aconsellaba o peche dos interiores dos establecementos hostaleiros a partir do nivel 3 cunha incidencia superior aos 150 casos, pero agora intensifica as restricións endurecendo os niveis de ocupación e considerando as terrazas pechadas tamén como interiores, entendendo como tales aquelas que teñen polo menos tres paramentos e teito.

As recomendacións aprobadas hoxe son unha actualización do documento de 'Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da covid-19', vixente desde o pasado 22 de outubro que, segundo fontes do Ministerio de Sanidade, estará vixente desde esta mesma tarde, aínda que insisten en que é unha "guía" de recomendacións que non son de carácter obrigatorio.

O endurecemento de ocupacións non se cingue só á hostalería, senón a outros ámbitos como cerimonias, velorios ou ximnasios. O documento establece catro niveis de alerta a modo de semáforo que determinan unha serie de actuacións proporcionais ao nivel de risco de transmisión do coronavirus e que son adaptables segundo a situación e o contexto de cada territorio.

Navarra decidiu hoxe pechar o interior de bares e restaurantes polo menos ata o día oito de abril. Só quedarán abertos os comedores de hoteis, hospitais e empresas. O Goberno navarro toma a decisión polo importante aumento dos contaxios nos últimos días, e ante unhas previsións a curto prazo preocupantes para a comunidade.

 

 

 

Noticias web

26/03/2021