CRTVG

Buscar

A Interterritorial decidirá este mércores sobre a vacinación da selección

Publicado o 08/06/2021 21:54

• Saúde Pública evita pronunciarse por non ter competencias

• Suecia, primeiro rival de España na Eurocopa, comunica dous positivos

O Consello Interterritorial de Saúde será este mércores o que decida se se vacina a selección española de fútbol, tal e como pediu o Ministerio de Cultura e Deportes, despois de que a Comisión de Saúde Pública evitara este martes pronunciarse sobre o asunto.

Desde Cultura, o ministro José Manuel Rodríguez Uribes pediu a vacinación da selección como algo "excepcional" e debido a que se trata dun grande acontecemento. "Non estamos a vacinar os futbolistas, estamos a vacinar a selección española", dixo. Con todo, ao entender a Comisión de Saúde Pública que non é da súa competencia, a decisión pasa agora á Interterritorial, en que están representados o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas.

O silencio da Comisión de Saúde Pública sobre a vacinación dos xogadores da selección deixa no aire de momento esta medida e prolonga a incerteza que rodea o equipo e a Federación Española de Fútbol (RFEF) desde hai 48 horas tras o positivo do capitán, Sergio Busquets. Este órgano evitou pronunciarse este martes sobre a petición feita polo Ministerio de Cultura e Deporte e pasa a decisión, cuestionada por algúns grupos políticos, a mans de Sanidade, cando faltan seis días para o debut de España na Eurocopa en Sevilla.

Fontes do Ministerio de Sanidade e autonómicas informaron a Efe desta decisión tras a reunión deste órgano, integrado polos técnicos de sanidade das consellerías con representantes do Ministerio de Sanidade. A Comisión tiña na súa orde do día analizar a petición efectuada polo Ministerio de Cultura e Deporte para que os xogadores reciban a vacina do mesmo xeito que os deportistas españois que acudirán aos Xogos de Toquio, e considera que este asunto non é da súa competencia.

O positivo de Busquets desmontou os plans de España de preparación do campionato, unha vez que a RFEF desvelou o contaxio do xogador azulgrana a noite do pasado domingo día 6, dous días despois do amigable xogado con Portugal en Madrid e en vésperas do previsto este luns con Lituania. A medida inmediata foi illar ao resto do equipo -os outros 23 xogadores e o corpo técnico- que permanecía concentrado na Cidade do Fútbol de Las Rozas e trasladar a Busquets ao seu domicilio en Barcelona en ambulancia medicalizada.

Os internacionais seguiron desde entón adestramentos personalizados mantendo o illamento. A solución para xogar o partido contra Lituania foi citar o equipo sub-21, aínda que moitos dos seus xogadores acababan de empezar as súas vacacións ao concluír a semana pasada a súa participación na Eurocopa da categoría. Os 20 convocados, co seu técnico á cabeza, adestráronse onte á noite, ás 22.30 horas. Logo a RFEF optou por citar outros seis futbolistas e formar un grupo alternativo que adestre noutra burbulla na Cidade do Fútbol por se fai falta tirar deles.

Brais Méndez empezou a adestrarse na burbulla que forman os xogadores chamados a última hora por Luis Enrique, despois de recibir as grazas efusivas por parte do seleccionador.

Luis Enrique Martínez, adestrador da Selección española: "Quero darvos as grazas. É imposible atopar mellor presideposición".

Luis Rubiales, presidente da RFEF: "É imprescindible que se faga esta segunda burbulla por se teñen que botar unha man".

O positivo por covid de Busquets ten á absoluta gardando corentena e facendo test a diario. A UEFA permite substitucións ilimitadas ata o día do debut na Eurocopa, pero non incorporacións á maiores dos 24 convocados inicialmente.

José Molina, director deportivo da Selección española: "Estamos tranquilos. Tentaremos ir á Eurocopa coas maiores garantías".

As maiores garantías son, para a Federación e as autoridades deportivas, que reciban a vacina. Unha decisión polémica, ben por tardía ou porque supón alterar os grupos prioritarios.

José Manuel Franco, presidente do CSD: "Podo entender os que pensan que é un privilexio, pero que saiban que non o é. Vannos representar a todos e a todas".

Neste caso o presidente da Liga Javier Tebas bótalle un capote a Rubiales.

Javier Tebas, presidente da LFP : "O positivo de Busquets non se evitaba aínda que tivesen a vacinas desde o 25 de maio. Estou a favor de que se vacinen, pero o fútbol mírase con lupa".

Algunhas seleccións como Bélxica acoden á Eurocopa vacinadas. Aínda recibindo a inxección monodose, non se alcanza a protección máxima ata pasados 14 días, que se cumpren co final da primeira fase.

Mentres, nas últimas horas, formacións políticas como Unidas Podemos, EH Bildu e Crompromis criticaron que se vacine os internacionais antes que a traballadores de servizos esenciais. As novas probas PCR ás que se someteron os internacionais onte resultaron negativas. Hoxe desde Suecia chegou a noticia dos positivos de Deixan Kulusevski e Mattias Svanberg, dous xogadores da selección sueca, que será o rival contra o que a Vermella debutará na Eurocopa, o luns 14 na Cartuja de Sevilla. 

Noticias web

08/06/2021