CRTVG

Buscar

Saúde Pública analiza hoxe a relaxación do uso da máscara en exteriores

Publicado o 15/06/2021 15:13

A Comisión de Saúde Pública abordará esta tarde unha proposta de actuación sobre a vacinación das persoas que se trasladen a outra comunidade temporalmente polas súas vacacións e a relaxación do uso da máscara en espazos exteriores, baixo certas condicións.

Este órgano, formado polos directores xerais do Ministerio de Sanidade e as comunidades, xa analizou a pasada semana o asunto da vacinación a turistas pero acordou darse uns días para concluír unha proposta de actuación.

Varias autonomías, como Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Navarra ou Galicia, amosáronse favorables a esta proposta. Porén, a maioría pide unha estratexia coordinada que deberá analizarse no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, sobre todo, pola redistribución das doses asignadas a cada comunidade en función da súa poboación flotante no verán. 

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, lembrou este luns a necesidade de sacar a tarxeta de desprazamento, aínda que se están a estudar "máis alternativas" que se elevarán finalmente ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Desescalada do uso da máscara

Sobre a mesa tamén está a desescalada do uso da máscara en espazos exteriores. Segundo avanzou Simón, dáse a "situación axeitada" para deixar de poñela en espazos abertos, un paso que "será axiña", aínda que non lle puxo data.

O epidemiólogo leva semanas apuntando esta posibilidade pero só "nalgunhas situacións, non en todas", e mesmo en lugares con altas coberturas vacinais como son as residencias. Lembrou que a evolución segue a ser boa, pero non en todos os grupos de idade pola falla de inmunización nos grupos máis novos.

Dixo que a retirada da máscara será "progresiva" e a medida que avance a vacinación. "Aínda que podería darse unha situación axeitada para non usala en exteriores, nos interiores é aínda probablemente moi necesario", resolveu.

Obrigatorio por lei

Varias autonomías reclamaron xa que o uso da máscara deixe de ser obrigatorio ao aire libre, unha imposición regulada na lei de nova normalidade aprobada definitivamente o pasado mes de marzo.

A norma impón o seu uso en exteriores mesmo cando hai distancia de seguridade porque no trámite parlamentario no Senado se introduciu unha emenda do PSOE nese sentido.

O Ministerio de Sanidade e as comunidades flexibilizaron esta imposición no Consello Interterritorial e foi o que se aplicou nalgunhas autonomías. Porén, unha lectura literal da norma segue obrigando o seu uso nestas circunstancias, polo que é necesaria unha modificación.

Comesaña insiste en pactar 

O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña insistiu este martes en acordar "de xeito harmónico co resto do Estado" o cesamento do uso da máscara en exteriores. Ademais, considerou "probable que a curto prazo" se poida activar esa medida.

A preguntas da prensa en Valdoviño, lembrou que existe unha "lei estatal" que establece o seu uso obrigatorio. Do mesmo xeito, remarcou que o comité clínico tamén vai tratar esta posibilidade, pero para efectos de contar cunha avaliación.

Segundo Comesaña, o obxectivo é "expor o momento en que se poderá relaxar o uso da máscara no exterior", unha medida de alivio que xa "se está a ver en países" europeos.

Noticias web

15/06/2021