CRTVG

Buscar

Saúde Pública acorda non atrasar a segunda dose das vacinas de Pfizer e Moderna

Publicado o 20/04/2021 18:44

A Comisión de Saúde Pública acordou este martes continuar administrando as segundas doses das vacinas contra a covid-19 tal e como marca cada farmacéutica, co que se descarta espaciar os tempos para inmunizar un maior número de persoas, segundo informaron fontes autonómicas.

Hoxe, a Comisión estudou un documento que incluía a proposta de atrasar 6 e 8 semanas a segunda picada de Pfizer e Moderna a menores de 79 anos co fin de inocular o soro canto antes ao maior número de persoas aínda que a inmunización fose parcial.

"A estratexia actual de vacinación é a que se vai seguir aplicando cos intervalos de doses que había: 21 días para Pfizer e 28 para Moderna" dixo a ministra de Sanidade, Carolina  Darias, na Comisión de Sanidade e Consumo do Senado, onde informou das medidas para adoptar na xestión da pandemia. 

A decisión será trasladada mañá ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que, con toda probabilidade, ratificará o acordo da Comisión de Saúde Pública. Darias comentou que se trataba dun debate suscitado polas comunidades autónomas e "había que expor ese debate porque isto forma parte da cogobernanza e da democracia". 

A titular de Sanidade pediu "máximo respecto" ás opinións, avogou polas "certezas" porque España está no camiño adecuado e insistiu en que as doses, a partir de agora, administraranse segundo a ficha técnica de cada vacina.

Desta forma, e se o Consello Interterritorial de mañá se pronuncia neste mesmo sentido, a segunda dose administrarase aos 21 días no caso de Pfizer e 28 días para Moderna. No caso de AstraZeneca son 12 semanas.