Sarria, Cambados, A Illa, Vilanova e Vilagarcía, no nivel alto de retricións
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid−19 acordou na súa xuntanza desta tarde, o nivel alto de restricións para os concellos de Sarria, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.
Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Culleredo, Ribadavia, Ourense, Barbadás, Caldas de Reis, Poio, Pontevedra, Marín, Redondela e Salceda de Caselas.
Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 10 de xullo.
Deste xeito, Ourense únese a Pontevedra en dar marcha atrás no proceso de desescalada debido á negativa evolución epidemiolóxica da pandemia de coronavirus e ambas as cidades estarán desde a medianoite do vindeiro sábado no nivel medio de restricións. Os locais de lecer nocturno en Ourense deberán botar o peche, xa que este tipo de negocios só pode abrir cando o municipio en que están situados está no nivel medio baixo.
As restricións altas, que supoñen que os locais de hostalaría deben ter pechado o seu interior e só poden empregar o 50 % das prazas das terrazas, aplicaranse en catro municipios da comarca do Salnés: A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa, Cambados e Vilanova de Arousa, que xa estaban neste nivel. Prosegue unha semana máis con estas limitacións o municipio lucense de Sarria.
Pola súa banda, comparte restricións medias con Ourense o concello lindeiro de Barbadás e tamén Ribadavia. Neste nivel seguirán Pontevedra e o concello limítrofe de Poio, pero súmase Marín, e tamén Redondela, Salceda de Caselas e Caldas de Rei. Tamén haberá desde o sábado restricións medias, que implican que a hostalaría só pode ocupar o 30 % das prazas no seu interior e a metade das terrazas, no concello coruñés de Culleredo.
Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo, que permite unha ocupación total das terrazas e a metade do ocupación interior.