CRTVG

Buscar

Sanxenxo engraxa a maquinaria da contratación e vai precisar camareiros, persoal de cociña e limpeza

Publicado o 09/03/2021 15:06

O sector hostaleiro de Sanxenxo vai estar aberto a medio gas durante esta Semana Santa e confían nunha recuperación paulatina de cara a un verán para o que están chegando xa ofertas de emprego. 

Lamentan perder a Semana Santa, pero prefiren sacrificala se con iso salvan o verán, que é onde se move a maior parte da facturación. Este ano a contratación vai comezar máis tarde, pero prevese que vai ser importante.

"De momento está a contagotas, estamos a principios de marzo e dependendo das autoridades se abren ou pechan os municipios ou as comunidades autónomas pois si que se prevé un regueiro ofertas de emprego e de contratación de traballadores", explica Elena Sutil, orientadora laboral do concello de Sanxenxo

"Do que adoita haber máis necesidade é sobre todo camareiros e tema de persoal de cociña, pero tamén no sector da hospedaxe; tamén o tema, sobre todo, de camareiras de piso, de limpeza, pero sobre todo centrado no sector da restauración", amplía ​Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo 

Este ano os contratos serán máis curtos porque tamén máis curta vai ser a temporada.

"Normalmente a mediados de xuño adoitamos estar case o cadro de persoal completo, e este ano será a partir do San Xoán se a cousa se ve que vai normal", comenta ​Eloy Blanco, hostaleiro. 

Malia que esta Semana Santa vai ser atípica, Sanxenxo abre as súas portas á quen poida visitalo.

"Si vai haber establecementos abertos e si vai haber a posibilidade de vir a Sanxenxo, sempre que estea permitido dentro da normativa que rexa nese momento", explica ​Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.

Noticias web

09/03/2021