CRTVG

Buscar

Sanxenxo, ao 100 % de ocupación na primeira fin de semana do verán

Publicado o 25/06/2021 14:48

Tráfico lento e algunha que outra retención dende primeira hora da mañá para acceder a Sanxenxo. Agora si se pode dicir que o verán entrou con forza.

"Estamos moi ilusionados porque esta primeira fin de semana do verán que o tempo está acompañando moitísimo, a verdade é que estamos tendo unhas ocupacións moi altas. Podemos estar falando de arredor practicamente do 100% nos hoteis de maior categoría, e nos dun pouco menos categoría sobre un 85, 90 %", informa ​Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.

Este ano nótase un cambio de tendencia, agora as estancias son moito máis longas.

"Temos a sensación de que o cliente ao mellor prefire estar máis tempo nun mesmo sitio en lugar de estar a moverse tanto por distintos sitios e notamos que a estancia media está subindo e o máis sorprendente hai moitísima xente que está facendo reservas de incluso dun mes, dun mes completo", comenta ​ Leornardo López, director do Hotel Carlos I Silgar.

Ás portas do mes de xullo as reservan van a bo ritmo. "Estamos falando xa de arredor do 70 % en reservas e agosto preto do 80 %, agora mesmo", explica Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.

Esta é a primeira fin de semana do verán. Por diante quedan outras doce que tamén prometen ser intensas.

Noticias web

25/06/2021

Máis sobre Sanxenxo