Santiago vai reforzar a vixilancia do ocio nocturno para evitar que se repitan os altercados da noite do xoves
"É inaceptable para as persoas e para as familias que viven no contorno, é inaceptable para o conxunto da sociedade e é inxustificable por parte dos mozos e mozas que interveñen nesta cuestión", comenta Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.
Levaban semanas, dende o Goberno local, vendo como cada vez ían en aumento as incidencias pola movida nocturna. Os graves altercados do xoves en Santiago foron a gota que rebordou o vaso. O alcalde anunciou que haberá máis control e reforzos policiais en coordinación coa Delegación do Goberno.
"Mañá faremos unha reunión de coordinación precisamente de seguridade ás dez e media da mañá pois para ver un pouco os disposivos a poñer en marcha e eu creo que o máis importante agora é incidir nesa mensaxe que está trasladando tanto o alcalde, como o concelleiro como a Delegación de responsabilidade, apuntou José Miñones, delegado do Goberno en Galicia.
Mentres as autoridades apelan á responsabilidade, os novos inundan as redes con críticas por unha intervención policial que cualifican de inxustificada. E en medio de todo o problema, os veciños son os maiores damnificados.