Santiago sobe ao nivel alto de restricións e teme as consecuencias no turismo
Santiago parece xa o de sempre con centos de turistas e peregrinos ateigando a rúa do Franco. Ata o de agora estaba sendo un bo verán.
"Xullo foi marabilloso, de verdade que si", conta Eladio Diéguez, encargado dunha tenda de produtos típicos.
"Este mes, fenomenal; este mes, moi ben, está vindo xente que non podemos atender pola ocupación", apunta Carmen Iglesias, hostaleira.
Comerciantes e hostaleiros do Franco saben que os turistas son a súa fonte de vida, por iso piden responsabilidade á xente.
"Nosoutros vivimos só do turismo. Se aquí poñen calquera tipo de restrición, o turismo baixa e xa nós nos vemos afectados polo menos nun 50% das ganancias", explica Eladio.
"Pois se soben o nivel de restricións, a nós no sector da hostalería amólanos bastante, ao reducir é moi inviable a situación", fala Luís Iglesias, camareiro.
"Saquei unhas persoas do ERTE que quedaron moi agradecidas e non me gustaría volvelas a meter de novo, de verdade", laméntase Carmen.
"Estamos algo preocupados, confiamos en que a xente teña memoria, que non se esquezan do ano pasado e que pensen un pouco nos demais, que non sexan tan egoístas, porque todos temos ganas de saír, todos sabemos saír e gozar", explica Carlos Rodríguez, comerciante do Franco.
Santiago ten hoxe 607 casos activos, máis da metade detectáronse na última semana, a semana que debera ser a máis grande das súas festas.