CRTVG

Buscar

Santiago, sede do Día Internacional da Luz

Publicado o 15/05/2019 13:45

O acto central da celebración do Día Internacional da Luz en España celébrase hoxe en Santiago, con talleres e conferencias sobre diversos aspectos actuais da fotónica.

Un dos seus eidos é a cronobioloxía, que indica que dentro do noso cerebro hai un pequeno reloxo biolóxico ao que hai que dar corda porque precisa poñerse en hora cada día.

"O xeito de darlles corda é o ciclo luz, escuridade, expoñerse á alternancia entre o día e a noite e para iso é importante que o día sexa día e teña luz natural e a noite sexa escura", asegura María Ángeles Rol, profesora de Fisioloxía da Universidade de Murcia.

E isto lévanos ao cambio de horario, os expertos téñeno claro: desde o punto de vista dos ritmos biolóxicos é mellor permanecer todo o ano co mesmo.

"Dentro das dúas posibilidades que hai, o horario de inverno ou o de verán, o de inverno é o que está máis axustado entre a luz que recibimos de mañá e na tarde, o que é bo para que o noso reloxo non se tense", afirma María Ángeles Rol.

Ademais das conferencias, haberá talleres destinados especialmente a estudantes de primaria e secundaria para facer experimentos coa luz e en que se realizará unha actividade de Lightpainting.

 

Noticias web

15/05/2019