CRTVG

Buscar

Santiago rexistra un gromo de nove casos tras un inicial no Fontes do Sar

Publicado o 01/09/2020 18:01

A área sanitaria de Santiago rexistra na capital galega un gromo da covid-19 que ascende a nove casos positivos tras detectarse un inicial nas instalacións deportivas do Multiusos Fontes do Sar.

A través dun comunicado feito público o pasado domingo, o  Multiusos informaba de que o Servizo  Galego de Saúde (SERGAS) lles comunicara a detección dun caso de coronavirus "leve" nos seus centros, o cal levou a poñer en marcha un "protocolo de seguridade seguindo estritamente as indicacións dadas polas autoridades sanitarias".

Este martes, fontes da área sanitaria de Santiago e A Barbanza informaron doutros nove contaxios asociados, tras efectuaren os preceptivos labores de rastrexo aos contactos do positivo inicial.

Precisamente, este luns o Multiusos Fontes do Sar comunicaba a través de redes sociais que pola noite "unha empresa homologada" procedera á desinfección con biocida nos seus centros mediante a técnica de nebulización.

A raíz do primeiro positivo, e dado que as instalacións "están abertas e funcionando con normalidade", o complexo deportivo municipal decidiu restrinxir a nove os alumnos máximos de cada clase dirixida.

A iso súmanse os xa habituais controis de temperatura, a distancia entre as máquinas e o uso de máscaras, separadores e alfombras viricidas, entre outras medidas.

Tamén en Compostela o Sergas realizou esta tarde un novo cribado entre o persoal e usuarios da residencia de maiores Volta do Catro. A decisión adoptouse tras dar positivo un traballador despois de que recibira a alta médica outra empregada.

Na residencia DomusVi de Lalín xa levan tres cribados. O último elevou a oito as persoas infectadas, catro residentes e catro traballadores.

Na Pobra do Caramiñal xa son 19 os positivos por coronavirus vinculados ao gromo de orixe laboral nunha conserveira da localidade. E o Sergas informou nas últimas horas de que hai conexión entre o gromo de Santa Comba e o da Baña, que sumarían xuntos 43 casos.

E dos case 1.400 tests rápidos realizados ao profesorado na área sanitaria de Santiago e A Barbanza só deron positivo dous, que están pendentes de máis probas.

Tanto nesta área sanitaria como na da Coruña-Cee moderouse nas últimas hora o ritmo de novos contaxios diarios. Con todo na Coruña hai 1.400 casos activos e en Santiago 607.