CRTVG

Buscar

Tardaremos o tempo dunha corentena, entre 10 e 14 días, en comezar a sentir os efectos das medidas

Publicado o 29/01/2021 23:02

Malia o novo incremento da casos activos, cincocentos máis ca onte, comeza a haber datos, índices e taxas que apuntan a unha lixeira melloría. Sons os indicadores que estudan os epidemiólogos para facer as súas previsións e dinnos que aínda non é hora de cantar vitoria, porque ao camiño da recuperación aínda lle quedan etapas. 

Tardaremos polo menos o tempo dunha corentena, entre 10 e 14 días, en comezar a sentir dun xeito decidido os efectos das medidas restritivas que estreamos esta semana. Iso si, algúns epidemiólogos estiman que nun prazo de 4 ou 5 días o número de contaxios podería empezar a reducirse.

A presión hospitalaria, pola contra, seguirá en aumento, quizais durantes varias semanas. Algúns expertos consideran que poderiamos chegar a superar os 1.800 ingresados nesta terceira onda. As proxeccións indican que de cada 1.000 contaxios, entre 50 ou 60 teñen que ingresar no hospital. Unido ao efecto acumulación dunha enfermidade que prolonga as estadías en UCI ata tres semanas, estiman que poderemos acadar os 1.800 hospitalizados. Os datos xa teñen en conta o efecto da inminuzación efectiva do sector da poboación en que a enfermiade era máis grave.

Outro dato que indica que a curva pode ir reducindo a pendente é que os contaxios actuais xa non son en grandes grupos.

Cristina Fermández, xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUS, explica que no Nadal houbo gromos familiares de ata 15 ou 20 persoas, pero agora son máis pequenos.

Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva da USC, di que podemos barallar a expectativa de comezar a reducir os contaxios en 4 ou 5 días.

Importante tamén, avisan os expertos, é non caer en falsos optimismos. Mesmo nas áreas que melloran, como Santiago, a incidencia segue en niveis extremos. O perímetro, o cesamento das relacións entre non conviventes ou as clases en liña para universitarios, xunto co eletraballo, deixarán efectos visibles, pero non en menos de dez días. Días en que os cribados se converten en ferramentas fundamentais para frear a transmisión comunitaria.

En Santiago o cribado poboacional abranguerá 9.000 persoas de entre 41 e 45 anos. Detectar asintomáticos nesa faixa de idade pode levar con efecftividade a novos casos explorando despois as súas relacións familiares, entre ascendentes e descendentes. Un traballo arduo, que esixe que todos sigamos sostendo estritamente as medidas para servir, entre todos, de dique de contención desta terceira onda.

Noticias web

29/01/2021