CRTVG

Buscar

Santiago permanece silenciosa e deserta no Día do Pai

Publicado o 19/03/2020 13:34

A praza do Obradoiro debería estar hoxe ateigada de turistas e peregrinos inmortalizando a súa visita. Pero a imaxe esta mañá é ben distinta.

Un silencio asombroso que só a Berenguela se permite romper anunciando o paso das horas. Todo adquire outra dimensión e os ruídos que co balbordo diario pasarían desapercibidos cobran protagonismo.

O piar dos paxaros ou a auga correndo nas fontes son a banda sonora destes dias de confinamento na zona vella de Santiago. Os poucos que tompen o seu illamento para comprar alimentos ou pasear as mascotas, camiñan con sixilo, porque o silencio impresiona.

E hoxe, festivo, Día do Pai, unha das rúas máis concorridas sería a do Franco, chea de locais de hostalería onde moitos celebrarían esta festividade... Pola contra, este é o aspecto hoxe. Unha cidade pantasma que mesmo emociona.

Por veces só os nosos pasos ou o movemento de patrullas policiais controlando que se cumpran as medidas do decreto do estado de alerta logran romper esta monótona banda sonora silenciosa.

Noticias web

19/03/2020