CRTVG

Buscar

Santiago Lago: "A crise pode ser unha oportunidade se se axuda as empresas para que se manteñan en Galicia"

Publicado o 09/06/2020 10:58

Santiago Lago, coordinador do Comité de Expertos Económicos de Galicia que asesora a Xunta para conter os efectos da Covid-19, fala no Bos días da vintena de medidas que propoñen.

Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago di que este escenario pos-COVID hai que "vela como unha oportunidade para facer outras cousas, poñer en marcha proxectos que foron adiados, é o momento de tirar pra diante porque nos fan falta", sempre  sen "reducir o tamaño da crise, a crise está aí, e hai moitísimas empresas que están sufrindo moito".

O Comité de Expertos Económicos de Galicia aposta por impulsar novas medidas para facilitar o financiamento das empresas no actual contexto económico a causa do COVID-19, reforzando a solvencia das compañías e o seu crecemento a través de diferentes instrumentos financeiros. Santiago Lago di que hai que se realista e que "amais da estratexía defensiva, que é necesaria, temos que atacar, ser moito máis proactivos e poñer enrriba da mesa proxectos e ideas que compensen o que inevitablemente vai pasar: algunhas empresas non van volver abrir, outras teñen un futuro moi complicado e temos que poñer enriba da mesa novas empresas que compensen esa perda".

Para o Foro, o papel da Administración debe ser especialmente activo para apoiar os procesos de adaptación dos actores económicos, promovendo instrumentos flexibles e que permitan captar fondos que lles aseguren capacidade suficiente para levalos a cabo. Tamén fai fincapé en que é estratéxico fortalecer o tamaño do tecido empresarial.

"Na Xunta o que toca é centrarse naquelas empresas que son características de Galicia, cun impacto diferencial, facendo cousas que non estea facendo o Goberno central. Evidentemente o ICO ten moita máis capacidade financeira da que pode ter o  IGAPE".

O comité de expertos económicos apunta a creación dun fondo galego de capital público e privado para investir en empresas afectadas polo COVID-19, a través de capital ou préstamos participativos; ou á ampliación da liña de avais do Estado canalizados polo Instituto de Crédito Oficial (ICO), habilitando un tramo específico destinado a operacións de reestruturación financeira. Tamén propoñen os expertos a creación dunha nova liña de financiamento con garantía do ICO que posibilite un incremento do endebedamento neto das empresas, con garantía pública limitada. A posta en marcha dun mecanismo de coinvestimento a escala autonómica que axude a completar as roldas de investimento no capital social das startups. Este informe dos expertos propón reducir a burocracia, por exemplo propoñen centralizar nun só portelo todas as axudas as que se poidan acoller as empresas.

"É moi importante que esta situación non faga que pechen empresas interesantes para Galicia, pero tampouco que veña capital foráneo a comprar empresas a prezo de saldo. O cento de operacións é moi importante que se manteña en Galicia e isto require un pulo ao capital das empresas e temos que facelo desde Galicia", asegura Santiago Lago.

 

Noticias web

09/06/2020