CRTVG

Buscar

Santiago estreará o Xacobeo sen turistas nin peregrinos

Publicado o 30/12/2020 13:53

Logo de once anos, chega un novo Xacobeo, pero o peche perimetral de Santiago polo virus mudou a estampa e as perspectivas na cidade. Tería que estar a tope de visitantes, pero o certo é que hoxe era practicamente imposible atopar xente de fóra en Compostela.

Rúas e prazas practicamente baleiras na zona vella de Compostela. É a estampa habitual dende que se estableceu o peche perimetral da cidade o pasado día 17. Só os peregrinos que xa estiveran en camiño daquela poden achegarse ata aquí, ou os que veñan coller un voo de volta á casa. En todo caso, son fabas contadas.

Unha parte dos servizos máis ligados ao turismo están pechados, e para os comerciantes e hostaleiros que abren tampouco está sendo unha boa campaña de Nadal.

E é que este non vai ser un aninovo calquera: toca abrir un novo Xacobeo, un reclamo que sempre multiplicou a afluencia de visitantes a Compostela.

Pero hoxe non teñen as expectativas moi altas. Confían en que a situación mellore segundo avance o ano, e o tirón do Xacobeo compense este parón. Será un dos desexos para o Xacobeo 2021 na cidade.

 

Noticias web

30/12/2020