CRTVG

Buscar

Santiago entra en nivel máximo de alerta con máis de 122 positivos nunha semana

Publicado o 12/10/2020 13:58

O Sergas elevou a alerta en Santiago ao nivel 3, o máis alto. A capital galega está en vermello porque cumpre dúas condicións: supera os 50.000 habitantes e porque se detectaron máis de 112 casos de coronavirus confirmados por PCR na última semana.

O venres, antes de pasar á fase vermella, había 190 persoas infectadas en Compostela. E, desde hai máis dun mes, comercios e bares xa tiñan limitacións de cabida do 50%, non se podía consumir en barra e as reunións estaban limitadas a un máximo de 10 persoas.

Segundo os últimos datos referidos a toda a área sanitaria, que comprende tamén a comarca da Barbanza, hai 621 casos activos, 24 máis cá onte, e 35 hospitalizados, 7 deles en coidados intensivos.

Nas últimas 24 horas, as probas PCR confirmaron 72 novos positivos en toda a área sanitaria e preto de Santiago, o concello de Ames segue en nivel vermello.

Ata esta mañá Narón estaba no mesmo nivel máximo de alerta, pero agora baixa do 3 ao 2 debido a que os casos confirmados por PCR están entre 14 e 21 e que o municipio ten menos de 50.000 habitantes.




 

Noticias web

12/10/2020