CRTVG

Buscar

Santiago e Ames, en alerta máxima: o foco en Santiago está nos universitarios

Publicado o 13/10/2020 14:13

A área sanitaria de Santiago-A Barbanza segue sumando positivos. Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 34 novos casos por PCR. Os infectados suman 624, tres máis que onte, e hai 40 doentes hospitalizados, sete deles en Coidados Intensivos.

Segundo os últimos datos referidos só a Compostela, hai 233 casos activos, o que supón 200 por 100.000 habitantes se se conta a poboación universitaria que, segundo o Concello, é o principal foco.

Na última semana detectáronse 42 novos positivos na universidade, a maioría contaxiados por un asintomático.

Agora Santiago está no nivel máis alto de risco, unha situación que sorprendeu aos hostaleiros. Con mes e medio de restricións e o ocio nocturno limitado desde agosto, cren que hai que incidir noutras medidas. 

Lois López, da Asociación de Hostalería de Santiago: "Entendemos que teñen que ser as medidas de prevención, o reforzo da atención primaria, o reforzo das probas PCR, o reforzo dos rastrexadores o que completen estas medidas porque se non vemos que non valen para nada e, desde o punto de vista económico, son negativas".

Os hostaleiros defenden que os locais son seguros e que o perigo pode estar noutras formas de relacionarse. 

Lois López, da Asociación de Hostalería de Santiago: "Se se restrinxen os horarios na hostalería, o que leva é a trasladar as alternativas de ocio ao ámbito privado, con moito máis perigo porque non hai ningún tipo de seguridade".

O veciño concello de Ames tamén está co semáforo en vermello. O venres sumaba 83 positivos, co 90 por cento dos casos localizados no Milladoiro, onde levan tres semanas con restricións.





 

Noticias web

13/10/2020