CRTVG

Buscar

Santiago bota o freo ao uso de bicis e patíns na cidade vella

Publicado o 05/04/2021 17:30

A nova ordenanza municipal que prepara o Concello de Santiago restrinxirá a circulación de bicicletas nalgunhas zonas da zona vella compostelá.

Aínda está en fase de borrador, pero o Goberno municipal ten claro que nas rúas máis estreitas e concorridas, onde non se pode gardar a distancia de seguridade entre peóns e ciclistas, haberá que baixar da bici e levala na man.

Unha medida da que deberán tomar boa nota os milleiros de peregrinos que cada ano chegan en bicicleta ao Obradoiro. Nun ano sen pandemia, uns 20.000 peregrinos chegan a Santiago en bicicleta. E poderán seguir facéndoo, pero levando a bici na man nas rúas máis estreitas e concorridas da zona histórica.

A nova ordenanza, que tamén inclúe patinetes eléctricos e outros vehículos individuais, podería estar lista para o mes de maio. Polo momento é un borrador en fase de traballo que busca garantir a distancia de seguridade entre peóns e ciclistas.

Malia que o anuncio sorprendeu a moitos, no Concello falan dunha medida de "sentido común", pensada para cando as rúas de Compostela volvan estar ateigadas de turistas e ciclistas. Un recordo que contrasta coa tranquilidade que a pandemia deixa este Luns de Pascua nas rúas da cidade.

Noticias web

05/04/2021