Santi Mina é ambicioso pensando no treito final da liga
• O vigués foi o mellor xogador do Celta en febreiro
Despois de Iago Aspas o xogador do Celta que leva máis goles marcados na liga é Santi Mina. Prolóngase a boa racha que iniciou no mes de febreiro, no campo do Atlético de Madrid, onde o Celta sacou un empate. Tamén fixo un dobrete contra o Elxe e marcou o primeiro no festival de goles de Huesca. Leva seis, a un da cifra do seu mellor ano en Vigo, pero non quere poñerse unha cifra ata final de temporada.
Santi Mina: "Os máximos posibles e se non podo marcalos, axudar como sexa o equipo a lograr os obxectivos fixados"
E o obxectivo segue a ser a permanencia, aínda que Santi Mina, matiza que o vestiario é ambicioso. A sexta praza está a oito puntos.
Santi Mina:"Estamos nun posto tranquilo, somos ambiciosos e intentaremos loitar por quedar o mellor posible e sobre todo lograr a permanencia o antes posible"
Cuestionado en certos momentos por parte da afección, Mina quere seguir dedicándolle goles á súa familia, por exemplo este sábado contra o Real Madrid. Xa o fixo a temporada pasada no Bernabeu, coa asistencia estelar de Denis Suárez, lograron un punto de ouro.