Santa Comba, á caza de mozos asintomáticos nun cribado destinado a 2.700 persoas
Publicado o 17/12/2020 15:38
Santa Comba, que desde hoxe ten restricións de nivel medio alto, anda na procura de veciños asintomáticos. Hoxe comezou o cribado entre os máis novos, imos ver como está a ser a participación.
2.700 mozos de Santa Comba, de entre 16 e 45 anos, recibiron a mensaxe do Sergas.
Atópanse ben, pero poderían estar estendendo o virus sen sabelo. Xa hai 60 casos activos no concello, e moitos son de xente moza.
Facer a proba non lles leva máis que un minuto e saben que con ela se poden chegar a salvar vidas.
En menos de dous días terán os resultados do cribado, pensado para cortar o avance da covid en Santa Comba, pechada perimetralmente desde hoxe con Mazaricos e Negreira.