CRTVG

Buscar

Sanidade aumenta os controis sobre a industria alimentaria

Publicado o 04/01/2019 20:33

Aumentan os controis sobre a industria alimentaria. En só un ano, a Consellería de Sanidade detectou case 13.000 infraccións no sector. Durante o 2017, os inspectores denunciaron incumprimentos en 5.800 fábricas, almacéns e establecementos de venda ao público.

As inspeccións nos establecementos relacionados coa industria alimentaria aumentaron un 56% no 2017. Debido a este maior control, durante ese ano detectáronse case 13.000 infraccións. Foron 4.000 máis ca no ano anterior. Os técnicos visitaron máis de 49.000 empresas. E atoparon incumprimentos en case 5.800. A pesar de que a cifra semella moi elevada, en realidade é só o 11% dos negocios relacionados coa industria alimentaria. Andrés Paz-Ares Rodríguez, director Xeral de Saúde Pública "Realmente as infraccións onde máis se detectan é en establecementos minoristas e son deficiencias de tipo leve. Non digo que nalgún establecemento non se atopen deficiencias graves que obriguen a pechar a actividade de xeito provisional"

Os inspectores visitan fábricas, empresas de distribución, almacéns, tendas e restaurantes. En definitiva, calquera negocio onde se procesen, almacenen ou vendan alimentos. E alí comproban os permisos, o estado das instalacións, como se manipulan os alimentos, se se envasan correctamente ou se se controlan as pragas.
A maioría das inspeccións foron programadas. Pero tamén houbo outras relacionadas con denuncias de administracións e particulares ou con seguimento de redes de alertas.

Noticias web

04/01/2019