CRTVG

Buscar

Santiago volve quedar pechada perimetralmente e soben as limitacións

Publicado o 16/12/2020 14:47

• Sanidade decreta o nivel máximo de restricións en Ribeira, Bueu e Baiona

• Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso recuperan a mobilidade

• Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa de Arousa e Fisterra pasan ao nivel medio alto de restricións

O comité clínico que asesora a Xunta respecto da evolución do coronavirus decidiu que Santiago de Compostela volva quedar pechada perimetralmente a medianoite do mércores ao xoves debido á repunta de casos e pase ao nivel medio de restricións.

Despois de que Santiago e Ourense fosen as primeiras grandes cidades en abandonar as máximas restricións xa para a ponte de principios de decembro, apenas 12 días despois os habitantes da capital galega non poderán abandonala máis que por motivos laborais, sanitarios ou educativos.

Ademais do peche perimetral, pasar ao nivel medio de restricións implica que a hostalaría poderá estar aberta ata as 23:00 horas, cun 40 % de capacidade no interior e o 50 % no exterior e con mesas de non máis de seis persoas. 

As reunións poderán ser dun máximo de seis persoas, conviventes ou non. O alcalde de Santiago xa alertara este luns de que os datos de covid-19 rexistrados nos últimos sete días na cidade eran "extraordinariamente preocupantes", ao pasar de 84 casos activos entre finais de novembro e principios de decembro a 137 o 14 de decembro.

Ademais, Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa de Arousa e Fisterra pasan ao nivel medio alto de restricións, que leva tamén ao peche perimetral. Iso tamén supón a apertura da hostalaría cun 30 % de ocupación interior e un 50 % no exterior, ata as 17:00 e con grupos máximos de catro persoas, conviventes ou non. As reunións sociais permítense cun límite de catro persoas non conviventes.

As localidades de Ribeira, Bueu e Baiona subirán ao nivel máximo de restricións.  Este concello do Val Miñor queda en nivel máximo, distinto ao de Vigo, así que, o seu peche perimetral é en solitario, do mesmo xeito que o de Bueu.

O nivel de máxima restrición supón, ademais da prohibición de mobilidade a outros municipios, a apertura da hostalaría cun 30 % de ocupación no interior e un 50 % no exterior, ata as 17:00 e cun grupo máximo de catro persoas, conviventes ou non. As reunións sociais permítense cun límite de catro persoas non conviventes.

E, como informa un comunicado do Goberno galego, tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto dos concellos, os expertos avogaron por implementar unha vixilancia especial en Verín, O Barco, A Rúa, Cedeira e San Sadurniño.

Pola contra, suavízanse as limitacións en Barro, Coristanco, Laxe, Carballo e Ponteceso, co cal recuperan a mobilidade.  Ademais, a hostalaría poderá abrir ao 50 % da súa capacidade no interior e ao 75 % no exterior, ata as 23:00 horas. As agrupacións de mesas poderán ser de ata seis persoas e as reunións poderán ser dun máximo de seis persoas conviventes ou non.

"A día de hoxe o número de casos activos en Galicia está en 5.853", aseguraba esta mañá Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.

Levabamos un mes de baixada constante de casos, pero houbo repunta. Galicia medra en contaxios pero por debaixo da media española.

"E tamén é certo que temos unha porcentaxe de positividade de PCR bastante favorable, estamos en tendencia favorable ascendente", asegurou Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, na rolda de prensa do comité clínico.

Nos hospitais galegos, a actividade segue sendo similar nos últimos sete días e a maioría dos contaxiados de covid están a seguimento domiciliario.

"Cunha tendencia de diminución na análise media dos últimos sete dias en todas as áreas sanitarias", aseguraba José Flores, xerente do Sergas. 

Aínda así, o comité volve tomar medidas naqueles concellos onde máis medraron eses contaxios, entre eles, a cidade de Santiago, que volve ao peche perimetral.

"Co obxectivo de tratar de salvar as festas e a actividade comercial neste concello tan importante para nós", dixo o conselleiro.

Arestora todas as cidades galegas están pechadas, excepto Ourense, que tamen preoucupa ao comité clínico.

"Non coa intensidade de Santiago, pero si que o temos en vixilancia para ver como evoluciona nos vindeiros días", dixo Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública. 

Os concellos de Ribeira, Bueu e Baiona entran no nivel máximo de restricións. Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas para mellorar a situación epidemiolóxica e poder así aliviar medidas. Acaban de facelo os concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que contan cun bo comportamento epidemiolóxico. A día de hoxe informan de que xa se tramitaron preto de 4.500 denuncias por movementos e reunións non permitidas e por saltar o toque de queda.

Noticias web

16/12/2020