Sanidade revisa hoxe se endurece as medidas restritivas na área da Coruña
• O Sergas fará 60.000 probas para chegar a toda a poboación de entre 18 e 40 anos da cidade
Hoxe Sanidade revisará as restricións impostas na área sanitaria galega máis afectada polo coronavirus, a da Coruña. Con case mil casos activos, unha residencia con once usuarios contaxiados e 47 hospitalizados, comezaron os cribados masivos na cidade. Prevén facer 60.000 probas na área sanitaria. En Melide van examinar tamén máis de mil mozos, entre hoxe e mañá. Alí houbo unha repunta que moitos relacionan coas irresponsabilidades no ocio nocturno de localidade. Agora temos máis de 1.500 casos confirmados en Galicia.
Durante o día de onte continuou na Coruña o cribado entre colectivos especialmente expostos ao virus, pero a partir de hoxe vanse comezar a facer test masivos en determinados grupos de poboación. Unha medida para intentar frear a transmisión comunitaria detectando o máximo posible de contaxiados que están asintomáticos.
Marta Mosquera, supervisosora do Servizo de Medicina Preventiva da Coruña: "A ritmo de mil persoas diarias, cribar 60.000 persoas de entre 18 e 40 anos que son os da área. Hai moito positivo asintomático nesa franxa de idade e é importante chegar a eles porque se está vendo que saen moitos positivos que non teñen síntoma ningún".
A curva de contaxios non deixa de medrar na área sanitaria A Coruña-Cee. Os casos activos xa son 921, 70 máis ca o luns. Hoxe a Xunta decide se aumenta ou endurece as medidas na zona.
Na residencia de anciáns Orpea, en Culleredo, soben os contaxios. Hai xa trece positivos, 11 usuarios e 2 traballadores.
No resto de Galicia preocupan especialmente os dous gromos detectados nas últimas horas en Melide, con 11 contaxiados. Oito deles menores de 30 anos. Entre hoxe e mañá van facerlle probas PCR a toda persoa de entre 18 a 30 anos. Porque as autoridades sospeitan que este gromo está relacionado con esta festa que se celebrou na fin de semana nun local nocturno da zona. Un evento en que había centos de mozos, sen máscaras e sen respectar as medidas de seguridade.
Carmen Liñeiras, concelleira de Saúde: "En principio, todo indica que o gromo está relacionado co ocio nocturno, pero aínda se está investigando".