Sanidade reforzará as inspeccións nos locais de hostalería
EFE
A nova campaña de inspección 'Hostalería segura', para mellorar as medidas sanitarias nese sector, comezará en outubro, anunciou a directora xeral de Saúde Pública da Xunta, Carmen Durán.
A iniciativa prevé máis de 1.000 verificacións á semana, reforzando inspeccións en horarios de maior afluencia a locais de hostalería, sinalou Durán na súa intervención ante unha comisión do Parlamento de Galicia. Nese sentido, indicou que a Xunta reforzará cun 30 % máis o persoal dedicado a este labor.
A Administración avaliará, ademais, medidas como o cumprimento da ocupación permitida, o respecto de distancias de seguridade entre persoas, a elaboración dun rexistro de clientes, a oferta der probas diagnósticas aos traballadores e o tipo de máscara proporcionada ao persoal, como parte dos protocolos contra a pandemia de covid-19.
Durán tamén informou tamén dos resultados das inspeccións de momento con 20.234 visitas a establecementos de distintos puntos de Galicia. Entre febreiro e xuño os inspectores da Consellería de Sanidade visitaron 4.896 establecementos de alimentación, 584 centros comerciais e prazas de abastos, 2.628 instalacións deportivas, 12.034 establecementos de hostalería e 92 doutros sectores. Nas devanditas visitas, comprobaron que o 55 % dos locais estaban a cumprir todas as medidas, dando lugar a inspeccións favorables, e detectaron que un 34 % tiñan deficiencias leves e soamente o 11 % presentaban incumprimentos das normas.
Do conxunto de visitas, só se inciarion expedientes para corrixir incumprimentos detectados en 154 locais, o que representa 0,76 % do total, segundo Durán.
Sobre o cumprimento das medidas nas praias galegas, sinalou que os inspectores fixeron máis de medio milleiro de visitas a areais para verificar o cumprimento das medidas de prevención contra a pandemia. Nun 61 % dos casos as revisións foron favorables, aínda que detectaron deficiencias en 25 % dos areais, e incumprimentos en 14 % das visitas, segundo a Xunta.