CRTVG

Buscar

Sanidade recomenda evitar as xuntanzas entre a 1 e as 6 h.

Publicado o 11/06/2021 19:38

• A Xunta tamén aconsella que as reunións en exteriores non superen as 15 persoas e as 6 en interiores | Os bares xa poden abrir ata a 1

EP

A evolución da pandemia en Galicia deixou sen "argumentos" epidemiolóxicos, en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as prohibicións que afectaban á libre circulación de persoas, límites de reunións e restricións horarias para os encontros. Con todo, a Xunta insiste nun chamamento á prudencia e, aínda que non obriga, si fai "recomendacións" no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Este venres o DOG correxía o horario dos bares para que abrisen esta mesma xornada ata a unha da madrugada, pero ademais inclúe un apartado no que recomenda que as reunións en exteriores non superen as 15 persoas, que é o máximo que se establece para o consumo en terrazas de hostalería. Ademais, "recoméndase que en lugares pechados os grupos de persoas non superen as seis persoas", como tamén se establece para os establecementos de hostalería.

Tamén recolle a "recomendación" de que as persoas non conviventes eviten encontros entre a 1 e as 6 da madrugada, como estaba ata o de agora restrinxido oficialmente. Estas recomendacións tamén se trasladan a ámbitos como as praias, nas que a Consellería de Sanidade insta a que os grupos non superen estas 15 persoas, salvo que sexan conviventes. "Recoméndase que, entre a 1 e as 6 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como abertos ou ao aire libre, e en espazo de uso privado, se limite aos constituídos exclusivamente por conviventes", apela a Xunta no diario oficial.

Tamén para a práctica deportiva ao aire libre recoméndase un máximo de 15 persoas. En interiores, obrígase a que como máximo sexan seis, úsese máscara e garántase a distancia de seguridade.

O DOG recolle que se permite o uso de piscinas cun máximo do 30 por cento de ocupación no caso de uso deportivo nos concellos con restricións medias ou medias altas e do 50 por cento naqueles con restricións medio baixas.

Os bares e cafeterías poderán abrir ata a 1 da madrugada este mesmo venres se contan cun aparello medidor de C02. Desde o pasado mes de maio, os restaurantes xa poden abrir para servir ceas ata esa hora, mentres que as taperías incorporáronse a esta posibilidade hai agora dúas semanas.

As ocupacións en hostalería mantense, polo momento invariables, indo desde o 50 por cento só en terrazas nos de nivel de incidencia alta, ata o 75 por cento en terrazas e 50 por cento en interiores na maioría de concellos de Galicia, aqueles de nivel de incidencia media baixa. De feito, só hai cinco municipios que estarán, desde este sábado, en nivel de incidencia media (o resto dos galegos estarán en nivel medio baixo): Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove. Nestes municipios, a hostalería pode funcionar cunha ocupación do 50 por cento en exterior e 30 por cento en interiores.

As medidas aprobadas pola Xunta teñen unha vixencia máxima do 26 de xuño, pero tal e como anunciou o presidente autonómico este mércores e confirmou o xoves, a idea é contar cun novo corpo normativo o vindeiro martes, día en que se reúne de novo o comité clínico, para que poida entrar en vigor xa o sábado 19 de xuño. En todo caso, tamén apuntou que ante a complexidade de revisar todas as disposicións ditadas, dábanse esta marxe máxima ata o 26 para ditar a nova norma, que incluirá un protocolo de uso de máscaras.

 

Noticias web

11/06/2021