Sanidade realizará cribados en Gondomar, Cangas e Chapela

A área sanitaria de Vigo continuará nos próximos días realizando cribados para detectar casos asintomáticos de COVID e, segundo confirmaron fontes do Sergas, citará 7.100 persoas de Gondomar, Cangas e a parroquia redondelá de Chapela.
Así, as persoas seleccionadas para facer o test do municipio de Gondomar, 2.500, serán citadas para acudir ao Covid-auto do hospital Meixoeiro este xoves e este venres; mentres que os veciños da parroquia de Chapela (Redondela), 1.600, serán convocados para acudir ao mesmo punto o sábado.
No caso da poboación de Cangas, as probas convocáronse para 3.000 persoas, que deberán acudir ao pavillón de Rodeira este domingo. Alí desprazarase un equipo de 9 profesionais para a toma de mostras nasofarínxeas.
Neste concello do Morrazo a selección de persoas citadas fíxose entre colectivos con maior risco de contaxio pola súa actividade profesional ou social: comerciantes, taxistas, hostaleiros, usuarios de servizos de axuda no fogar e deportistas.
Sanidade lembrou que o obxectivo destes cribados é detectar o maior número posible de persoas contaxiadas asintomáticas xa que, ao non presentaren clínica, desenvolven a súa vida habitual e son un risco para a saúde pública, por seren potenciais contaxiadores.
Con carácter xeral, as persoas citadas teñen entre 18 e 60 anos de idade e a súa participación no cribado é voluntaria. Para someterse a estas probas non poden ter feita ningunha PCR nas dúas semanas previas.