Sanidade quere pechar o interior da hostalería cunha incidencia superior a 150
• As terrazas que teñan tres paredes e teito, considerados interiores
O Goberno estuda endurecer as medidas restritivas en función do nivel de alerta sanitaria. De feito, vai propoñerlle ás comunidades autónomas restricións máis firmes, por exemplo na hostalería, cando a incidencia acumulada supere os 150 casos por 100.000 habitantes.
Polo momento, a Comisión de Saúde Pública vai discutir este xoves un documento neste sentido que modifica as Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da covid-19 do 22 de outubro de 2020.
O texto que se vai debater, aprobado pola Ponencia de Alertas e Plans de Preparación e Resposta o pasado 26 de febreiro, deberá contar despois co visto e prace do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.
Lembremos que este plan de actuacións tiña como obxectivo propor criterios comúns para avaliar a pandemia en cada territorio e establecer uns niveis de alerta con actuacións proporcionais ao nivel de risco de transmisión.
O novo documento mantén os indicadores para a valoración do risco tal e como estaban. Tamén os niveis: o da nova normalidade (o máis baixo), con incidencias acumuladas a 14 días inferiores a 25 casos por 100.000 habitantes, e catro niveis de alerta.
Cambios nos niveis 3 e 4
Porén, propón unha serie de cambios respecto ás medidas que se deben aplicar nos territorios que se atopen en peor situación. No caso de estaren no nivel 4 (con máis de 250 casos por 100.000 habitantes), especifica que as xuntanzas no ámbito público e privado non poden superar as catro persoas "salvo para os grupos de convivencia".
Para os niveis 3 (incidencia superior aos 150) e 4, incorpora a supresión do servizo nas zonas interiores dos establecementos de restauración e hostalería. No documento actual establece que será "a autoridade sanitaria" a que valore esta cuestión.
Do mesmo xeito, propón que as terrazas retranqueadas no interior con tres paramentos e teito; as exteriores con estes mesmos elementos, as que estean cubertas con catro paramentos e teito e as que teñan paramentos continuos ou descontinuos e teito "serán consideradas zonas interiores dos establecementos".
Outras recomendacións
Nestes dous niveis tamén recomenda á poboación saír do domicilio só o necesario e limitar as entradas e saídas da área territorial avaliada excepto para actividades esenciais.
Ademais, en todos os niveis aposta por fomentar o teletraballo, e nos niveis 3 e 4, evitar as xuntanzas no lugar de traballo para comer ou beber.
A Xunta di que o protocolo "chega tarde"
O presidente da Xunta di que ese protocolo común para toda España xa chega tarde e pídelle ao Goberno que escoite os expertos sanitarios para non improvisar as restricións.
A Comisión de Saúde Pública vai abordar este xoves un documento que modifica as “Actuacións de Resposta Coordinada para o Control da Transmisión da covid-19” actualizadas o 22 de outubro de 2020.