Sanidade propón reabrir as discotecas ata as 3:00 horas e pechar os bares á 1:00
O documento recolle oito medidas comúns, de obrigado cumprimento, e dúas recomendacións, deixando sen efecto as actuacións coordinadas que se aprobaron entre agosto e outubro do pasado ano.
Medidas de obrigado cumprimento
1. Locais de lecer nocturno e discotecas:
Pechados desde agosto de 2020. O borrador permite a reapertura de locais de lecer nocturno naqueles territorios de baixa incidencia, é dicir, en nova normalidade ou nivel 1 de alerta, segundo o establecido no documento 'Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da covid-19'.
Nestes establecementos, o consumo de bebidas e alimentos, tanto en zonas interiores como exteriores, farase sentado en mesas, cunha separación entre as cadeiras de distintas mesas de, polo menos, 1,5 metros.
Non poderán abrir máis aló das 2:00 horas (aínda que se permite amplialo ata as 3 h.) nin superar o 50 % da capacidade máxima no interior do local. Nas terrazas ao aire libre, poderán ocupar a totalidade das mesas permitidas. Establécese un máximo de 6 persoas en lugares pechados e 10 no exterior.
Se o territorio chegase ao nivel de alerta 2, a comunidade poderá valorar autorizar a apertura de locais de lecer nocturno coas restricións que se propoñen no semáforo de Sanidade, que reduce a ocupación a un terzo.
2. Hostalería e restauración (tamén restaurantes de praia):
Se o territorio está fóra dos niveis de risco, permitirase a metade da ocupación no interior, podéndose incrementar nun 10 % de aplicaren medidas de control de riscos que garantan un alto nivel de ventilación e control da calidade do aire.
Nas terrazas ao aire libre poderanse ocupar a totalidade das mesas permitidas gardando 1,5 metros de distancia entre as cadeiras de diferentes mesas, que terán un límite de 6 persoas en interior e de 10 en exterior. Permítese o servizo e consumo en barra.
Como máximo poderán estar abertos ata a 1:00 e deixarase de servir ás 24:00 horas.
Se o territorio está nalgún dos niveis de risco (1 a 4), haberá que seguir o establecido no semáforo no que se refire a límites de persoas por mesa.
3. Eventos e actividades multitudinarias non ordinarias:
Aplicaranse as medidas de control de riscos de transmisión do SARS- CoV2 propostas no semáforo, que van da prohibición para comer, beber e fumar nas zonas destinadas ao público ao uso obrigatorio de máscara.
Os organizadores, en coordinación coas autoridades locais, deberán realizar unha avaliación de risco conforme ao previsto no documento 'Recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto de nova normalidade por COVID-19 en España', acordado na Comisión de Saúde Pública.
4. Medidas sobre vacinación fronte á covid-19:
As comunidades implementarán a campaña de vacinación seguindo a estratexia aprobada pola Comisión de Saúde Pública a proposta do Relatorio de Programa e Rexistro de Vacinacións.
O documento establece ademais a obriga de dispoñer de todos os materiais, equipos e recursos necesarios para vacinar e de achegar a información procedente dos rexistros e sistemas de información de vacinas, ou de calquera outro sistema con información de interese no marco das súas competencias no Rexistro Estatal de Vacinación fronte ao SARS-CoV-2 (REGVACU).
5. Medidas relativas ao Estudo Nacional de Seroprevalencia ENE-COVID:
Realización da quinta rolda do Estudo Nacional de Seroprevalencia ENE-COVID, previsto para o pasado febreiro, tras alcanzar o obxectivo de cobertura de vacinación do 70 % da poboación e, en todo caso, antes de que finalice o ano 2021.
6. Medidas en relación cos cribados en poboación asintomática:
Os cribados en poboación asintomática que non pertenza a colectivos suxeitos a cribados rutineiros, realizaranse cando se estime necesario e sempre baixo o criterio da unidade de Saúde Pública da comunidade.
Aqueles poboacionais que non pertenzan a colectivos suxeitos a cribados rutineiros, terán un obxectivo concreto definido no seu protocolo técnico e seguirán as directrices incluídas na 'Estratexia de detección precoz, vixilancia e control de covid-19'.
Os que se fagan no ámbito laboral deberán enmarcarse dentro da vixilancia da saúde levada a cabo por parte dos servizos de prevención de riscos laborais.
7. Medidas para reforzar a coordinación coas entidades locais:
As comunidades seguirán mantendo xuntanzas periódicas coa Federación de Municipios e Provincias do seu ámbito territorial co obxectivo de coordinar accións comúns de control da transmisión do virus e da evolución da estratexia de vacinación.
Así mesmo, as consellerías competentes en materia de Sanidade comunicarán ás entidades locais daqueles ámbitos territoriais con especial incidencia ou interese desde o punto de vista da evolución da pandemia, toda a información necesaria para valorar a situación e coordinar a adopción das medidas de control e de coberturas da estratexia de vacinación.
8. Consumo de tabaco e produtos relacionados:
Non se permitirá fumar na vía pública ou en espazos ao aire libre cando non se poida respectar unha distancia mínima interpersoal de, polo menos, 2 metros.
Esta limitación será aplicable tamén para o uso de calquera outro dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas ou asimilados.
Tampouco se deixará fumar nin consumir outros produtos do tabaco, cigarros electrónicos na área destinada ao público dos eventos e actividades multitudinarias non ordinarias ao aire libre.
Recomendacións
-O documento aconsella traballar conxuntamente coas entidades locais para favorecer a reorganización da repartición do espazo público para realizar actividades ao aire libre conforme ás necesidades derivadas da evolución da pandemia. Prioriza camiñar ou ir en bicilceta fronte ao uso do vehículo motorizado privado.
-Tamén recomenda traballar conxuntamente na atención á poboación en situación de vulnerabilidade, a participación e o fomento doutras fórmulas de cooperación coa sociedade civil.