CRTVG

Buscar

Primeiro día de restricións na área sanitaria da Coruña

Publicado o 08/08/2020 09:08

Desde as doce desta noite xa están en vigor as restricións que afectan a área sanitaria da Coruña, e máis concretamente os concellos da área metropolitana. Na Coruña cidade eran moitos os que aínda esta noite desfrutaban do bo tempo nas terrazas de bares e restaurantes, que desde esta medianoite están obrigados a pechar á unha da mañá. Tamén pechan os locais de ocio nocturno, de feito, moitos esta pasada noite, xa nin abriron. Unhas medidas publicadas este venres pola tarde no DOG, ante o incremento de casos nos últimos días na área sanitaria. 

Tras a importante suba de casos na área sanitaria da Coruña, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, anuncia que o Goberno galego prohibe dende as doce desta noite as visitas e saídas en residencias e pechará os centros de día.

As medidas son unha "fórmula preventiva para conter a expansión do virus", pois "existe un risco de transmisión comunitaria", explicou o conselleiro. Remarca que os datos, "polo momento, son baixos", pero que requiren de medidas preventivas para conter o avance do virus.

Estas medidas de carácter preventivo serán revisadas dentro de cinco días polo comité clínico. A Consellería manterá reunións diarias por videoconferencia cos alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados para facer un seguemento das medidas e a evolución dos casos.

Medidas en varios niveis

Ademais das medidas que afectan a toda a área, a Consellería aplica medidas específicas en dous niveis máis.

Nos 9 concellos da comarca (A Coruña, Arteixo, Cambre, Abegondo, Carral, Bergondo, Sada, Oleiros e Culleredo) o ocio nocturno queda suspendido, ao igual que as festas e as verbenas, e limitan a hora de peche de restaurantes e bares á unha da mañá.

En cinco deles (A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros) tamén se van limitar a 10 persoas as reunións privadas de persoas non conviventes e imponse un 50% de ocupación para todas as actividades.

Esta tarde publicarase no DOG un decreto de urxencia con todas as medidas.

Apelan á responsabilidade individual

 O doutor Pedro Rascado, membro do comité clínico, lembrou que "o virus segue con nós, e seguirá con nós bastante tempo". Apela á "responsabilidade individual" nas medidas de hixiene. "O virus transmíteno amigos e familiares", asegurou Rascado, polo que "nestas reunións hai que ser estritos coas medidas de seguridade". 

Na mesma liña se expresou o doutor Vázquez Lima: "Apelamos ao cumprimento das normas, tanto de seguridade como as restricións que temos que facer periodicamente".