CRTVG

Buscar

Sanidade pedirá que os menores de 12 anos non vaian a actividades sen protocolos

Publicado o 31/08/2021 14:49

• O comité clínico tiña previsto aprobar esta tarde o novo protocolo da hostalería, que vencella o grao de ocupación co nivel de seguridade dos locais | A Xunta ultima a norma co sector 

O comité clínico desta tarde deixará advertencias específicas destinadas a preservar a saúde dos menores de 12, para os que aínda non hai vacina aprobada. A súa actividade este curso deber ser só a lectiva e as actividades extraescolares que estean protocolizadas.

Pilar Farjas, membro do comité clínico: "Un chamamento aos pais: haberá que ter un coidado exquisito para non levar nenos menores de doce anos a festas, celebracións, aniversarios e actividades que non estean protocolizadas. Fóra dos protocolos escolares debemos ter un coidado exquisito porque vai pasar o que pasou cos adolescentes no mes de xullo".

Para os maiores de 12, di Pilar Farjas, non hai escusa para empezar o curso sen vacinarse, unha vez constatada a eficacia e seguridade das vacinas. Por iso, hai chamamento do comité a usar o sistema de autocita para as repescas.

Farjas subliñou ademais o impacto moi evidente da suspensión do certificadio covid, que cadrou coas festas en vilas como Monforte, Melide, Ordes ou Arzúa, que hoxe son os principais focos da covid. Tamén preocupa o incremento da incidencia na cidade de Lugo, aínda que no conxunto de Galicia o coronavirus segue en retroceso, e tamén a ocupación hospitalaria e de UCI amosa unha evolución favorable.

Canto á hostalería, estaba previsto aprobar esta tarde un novo plan que teña en conta as medidas anticovid de cada local para establecer as ocupacións. "Son medidas de hixiene, garantía de espazo, distanciamento, e sobre todo de ventilación, rexistro de usuarios e compromiso de rexistro e vixilancia de niveis de C02", explican desde o comité clínico.

Arestora quedan aínda flocos pendentes na negociación da distancia entre mesas e uso de barras que terían que resolverse para que a nova normativa sexa aprobada esta tarde.

Noticias web

31/08/2021