CRTVG

Buscar

Sanidade pechará Madrid por orde ministerial

Publicado o 01/10/2020 08:58

Sanidade acaba de publicar no BOE a orde ministerial que imporá novas restricións en municipios con máis de 500 casos por 100.000 habitantes. O acordo foi aprobado na reunión interterritorial de saúde con trece votos a favor e o rexeitamento de catro comunidades autonónomas, entre elas Madrid e Galicia. A comunidade madrileña asegurara que o documento que impón novas restricións de mobilidade na capital e noutros nove municipios da rexión non é xuridicamente válido. 

Con todo, nas últimas horas Ayuso asegurou que cumprirá a orde do Goberno, pero que a levará aos tribunais. Díaz Ayuso advertiu de que Madrid non está en rebeldía e que vai cumprir a orde, e matiza que se trata dunha orde publicada de xeito "ilegal" no BOE.

O ministro de Sanidade foi contundente. "É froito dunha decisión colexiada", dixo Salvador Illa.  A orde ministerial que acaba de publicar o BOE di que é de obrigado cumprimento en 48 horas e deben facela efectiva todas as comunidades autónomas, tamén Madrid. Pouco despois do ministro comparecía o conselleiro de Sanidade madrileño. Ruiz Escudero asegurou que é falso que sexa unha decisión colexiada, porque asegurou que iso require consenso.

Enrique Ruiz Escudero, conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid: "Xuridicamente, o documento non é válido".

Ruiz Escudero dixo que tamén era falso que a Comunidade de Madrid se mostrase satisfeita co preacordo alcanzado o martes, a pesar de que o propio vicepresidente Aguado o celebrou en redes sociais. O Goberno rexional emitía un comunicado nas últimas horas en que asegura que é preciso coñecer a base científica e técnica que avala o criterio do ministerio e que imporá medidas restritivas a case o 73 % da poboación madrileña, case cinco millóns de persoas.

"O acordo foi aceptado pola Comunidade de Madrid. Ninguén entende a súa marcha atrás agora, nin os madrileños nin os españois. A saúde de Madrid é a saúde de España", dixo Salvador Illa.

Á media tarde deste mércores, a presidenta Ayuso negaba a través de Twitter que houbese unha ruptura con Sanidade, e aseguraba que seguen defendendo un acordo entre administracións e que buscan un texto consensuado e baseado en parámetros técnicos, non en tres xenéricos, dixo.

Ademais de Madrid, rexeitaron o documento do ministerio Galicia, Cataluña, Andalucía e a cidade autónoma de Ceuta. O conselleiro galego de Sanidade, Julio García Comesaña, votou en contra da proposta por considerar que carece de avais técnicos para adaptala á situación epidemiolóxica de Galicia. Di que o comité clínico galego toma decisións conforme a dez criterios e non a tres, e fai un chamamento a recuperar o consenso.

 

Noticias web

01/10/2020