Sanidade observa estabilidade cunha "pequena tendencia á alza" nos contaxios
O conselleiro de Sanidade di que observa con "preocupación" a evolución da pandemia nos últimos días. Con todo, asegura que a pesar "dunha pequena tendencia á alza" no número de contaxios a situación mantense estable.
"Levamos varias semanas nunha zona estable, nunha meseta, nas primeiras semanas era unha meseta con tendencia decrecente ata os 77 casos a 14 días ou 35 a 7 e levamos unha semanas que esta tendencia á baixa tirou un pouco cara arriba."
Di o conselleiro que a incidencia acumulada anda en Galicia en 90 casos por cada 100 mil habitantes a catorce días e nos 45 a sete días.
"A tendencia é boa porque a incidencia a 14 non é o dobre que a incidencia a 7 días e polo tanto confírmanos esa estabilidade."
En canto á campaña de vacinación, García Comesaña móstrase satisfeito do ritmo acadado.
"Estamos rematando de 70 a 79 e tamén ese grupo de 60 a 65 que ía en paralelo coa vacina de AstraZeneca agora temos que tomar decisións cos pasos que se van dar".
Uns pasos nos que Galicia vai priorizar a vacinación do grupo de 65 a 69 anos, pero antes, xa na vindeira semana, comezarán a recibir a segunda dose os vacinados de entre 70 e 79 anos.
"Para a vindeira semana temos moitas segundas doses de 70 a 79 anos. Vainos coincidir con tres semanas despois de Semana Santa, que foi cando chegou a primeira semana de 105.000 vacinas de Pfizer. Seguimos co ritmo previsto, alto por suposto e poñendo todas as vacinas que temos e que nos chegan."