CRTVG

Buscar

Sanidade notifica 8.304 positivos e 267 mortes nas últimas 24 horas

Publicado o 27/10/2020 18:14

Sanidade rexistrou este martes 18.418 casos de covid−19. Deles, 8.304 foron diagnosticados nas últimas 24 horas. Ata o de agora notificáronse 1.116.738 de casos positivos de coronavirus, segundo avanzan os últimos datos. Ademais, este martes notificáronse 267 falecidos, 746 na última semana. A cifra total ascende a 35.298.

Nestes momentos hai 16.696 persoas hospitalizadas, o cal supón o 13,93 % de camas ocupadas. Ademais, nas últimas horas realizáronse 2.101 ingresos hospitalarios. No caso das UCI, esta cifra ascende a 2.292, isto é, o 25,04 %. No caso das altas, producíronse 1.863 nas últimas horas.

 

Xa non se pode entrar ou saír de Aragón, salvo casos xustificados. Tampouco de Euskadi, que decretou o peche perimetral de todo o territorio. Ambas as dúas comunidades notificaron este martes arredor dun milleiro de novos contaxios.

Asturias súmase este mércores ao confinamento perimetral, que xa estaba activo en Xixón, Oviedo e Avilés. Navarra, pioneira en establecer esta medida, segue a ter a incidencia acumulada máis alta de todo o Estado. A Rioxa, tamén pechada dende a pasada semana, afronta novas restricións.

A situación preocupa en Cataluña, que rexistrou 4.400 novos contaxios. A Generalitat vai endurecer as medidas e considera un peche durante as fin de semana ou de quince días.

A Comunidade de Madrid, que sumou algo máis de 2.100 casos, tamén estuda o peche do territorio durante a ponte de Todos os Santos.

En Andalucía, que rexistrou 2.900 positivos, empeora a situación. O Goberno autonómico vai decidir este mércores novas restricións e non descarta o confinamento perimetral, que xa está operativo en Granada e a súa área metropolitana.